Tuesday 21 de May de 2024

O Outono Gastronómico, promovido por Turismo de Galicia, propón máis de 200 menús diferentes para o seu último fin de semana


Os 106 establecementos participantes nesta oitava edición apuran os seus fogóns para recibir a numerosos turistas durante os seus últimos días

O vindeiro domingo 14 de decembro remata a oitava edición do Outono gastronómico en turismo rural de Galicia, unha iniciativa de Turismo de Galicia que desde o pasado día 12 de setembro, atraeu a numerosos turistas que buscan disfrutar dunha gastronomía única na tranquilidade do medio rural.

Neste último fin de semana os 106 establecementos participantes desta oitava edición —27 da provincia da Coruña, 31 da de Lugo, 23 da de Ourense e 25 da de Pontevedra— ofrecerán máis de 200 menús diferentes elaborados cos mellores produtos da tempada.

Este ano, ademais, os cociñeiros das casas de turismo rural adheridas a esta promoción ofrecen a posibilidade de entrar nas súas cociñas para descubrir os segredos das súas receitas e colaborar activamente na súa elaboración. Como agasallo, os participantes recibirán un receitario cos pratos presentados por cada un dos establecementos participantes. Estes obradoiros de cociña, totalmente gratuítos, son unha oportunidade única para os amantes da cociña ou para aqueles que queren aprender ou descubrir novas experiencias.

O VIII Outono gastronómico en turismo rural de Galicia ofrece diversas posibilidades.

O ‘Menú Outono gastronómico’, para xantar ou cear, que consta de entrante, primeiro prato, segundo prato, sobremesa e viño con Denominación de Orixe galega. O prezo é de 30 euros por persoa e cada casa de Turismo Rural ofrece dous menús diferentes.

O “Paquete Outono gastronómico” que inclúe un “Menú Outono gastronómico” por persoa e o aloxamento e almorzo na casa de Turismo Rural. O prezo é de 110 euros para dúas persoas en cuarto duplo ou de 70 euros para unha persoa en cuarto individual.

Unha oferta completa de “Fin de Semana de Outono gastronómico”, que inclúe dous menús por persoa, máis o aloxamento e almorzos por 190 euros para dúas persoas en cuarto dobre e 130 euros para unha persoa en cuarto individual.

E se os viaxeiros queren compartir coa familia esta última fin de semana, poderán escoller a opción “Fin de semana familiar Outono gastronómico”, que inclúe ofertas para un e dous nenos de ata 14 anos.

Un incremento do 21% nos viaxeiros aloxados nos establecementos rurais
O gran éxito de participación deste programa reflíctese no incremento dos viaxeiros aloxados nos establecementos de turismo rural. Ao longo dos dez primeiros meses deste ano, o número de viaxeiros no eido rural ascendeu a 138.802, o que supuxo un incremento do 21% en relación ao mesmo período do ano anterior.

Tamén subiron as pernoitas un 18,6%, acadando a cifra total de 278.002 entre os meses de xaneiro e outubro de 2014.

En canto ao turismo internacional, en Galicia acadouse un máximo histórico de viaxeiros aloxados en turismo rural. Así, nos 10 primeiros meses do ano 2014, superouse por primeira vez a cifra de 30.000 viaxeiros estranxeiros, con máis de 54.000 pernoitas.